Perfeitamente escollida para un escuro serao de Todos os Santos, vou con Vapin ver a nova película de Tim Burton. Muito máis tenra que o Pesadelo, coa que alguns a levan comparado, e máis dinámica e redonda que Charlie, que a muitos (non a min) defraudou.E tamén unha magnífica oportunidade para as presentacións.
En canto pasamos ao vestíbulo do cine, gardando eu ainda na carteira o cámbio e o pedaciño da entrada, Vapin chama-me a atención sobre un neno de cazadora verde que exixe que lle compren millo no ambigu; sua mai traballa nunha cadea de roupa e seu pai non, pero hai quen lle atopa parecido cun actor americano.
Desexando que a terra me tragase, pasamos xunto a eles; o neno devorador de lambonadas é quen decide a sorte da escena ao dicer-lle a sua mai que me mire, e daquela ten que me saudar-me, e eu a ela, e o marido cámbia de mao o enorme vaso de papel encerado para tender-me a mao mentres Zara explica que me coñece deste Verao no Parque, que teño unha nena e que a levava aos colúmpios, e que dávamos xuntos a merenda aos nosos, e isto e aquilo mentres el me sacode a mao con pouco vigor, case brandamente penso agora, e tatexo calquer cousa con tal de terminar aquel papelón que a Vapin diverte tanto como a mellor comédia, dirá logo, sentados xa os dous na penumbra do salón.
Por fortuna, escolleran a outra película.
Cando saímos, tomando algo mentres fóra a noite se tornava máis e máis hostil, Vapin di que estou completamente tolo se creo que a história con Zara sairá ben; ainda máis: pregunta-me con que parte do corpo podo estar soñando que Zara algun dia...
Ningún comentario:
Publicar un comentario