Cea de Noiteboa e xantar de Nadal na casa dos pais, mui familiar e cos temas de conversa e debate acostumados, pero este ano brillando especialmente a lei anti-tabaco. Da mao da nena, vou aborrecido onte ao serao para a nosa casa, sen esperar a que miña mai, que non fuma, concluíse a sua ponéncia anti-lei-anti-tabaco, consistente na enumeración de todos os fumadores coñecidos que non morreron de cancro, e viceversa, os mortos de cancro que non fumaron un só cigarro en toda a vida.As temperaturas subiron muito, pero segue indo frio, e as ruas esmorecen baixo os pasos dos que, coma nós, van á procura do seu lexítimo lugar e abandonan a casa familiar onde pasaron, un ano máis, o dia de Nadal.
Na rua do Santo atopamos a Vladimir, aquecendo os dedos para poder tocar; un pouco máis adiante, nas Cortiñas de San Román, Mirinda pasea con Ti e as duas veñen a facer-lle grazas á nena, que lles ensina o meu neto, orgullosa e chea de meco. Calo que vin a Vladimir, ese obseso do cibersexo, porque temo botar leña ao lume, e porque no meu cerebro ecoa ainda o Maldito internet de Mirinda cando o Xoves, na inauguración da Cova, deu por morta e enterrada aquela unión, confirmando asi os informes de Polis.
Internet uniu-nos e internet separou-nos, e acabou por converté-los en personaxes dramáticos: coñeceron-se nun chat, e agora, separados, Mirinda confesa que segue a buscar naquel mesmo chat o home da sua vida, nunha procura pertinaz e deseperada; tamén os converteu en personaxes de serial televisivo: mentres el volveu ás ruas de Ithaca co clarinete, ela toma a decisión de adoptar un fillo, e soña xa cunha nena oriental adormecida no colo como adormecido vai, coa fofa pel de goma ao lentor da noite, o meu neto, ese boneco rosado e gordecho que a miña filla arrola.
Ningún comentario:
Publicar un comentario