domingo, 12 de marzo de 2006

Arqueoloxia

Dentro das comemoracións do meio século da televisión, o telediário ofereceu imaxes dalguns dos programas infantis que vin e que, naturalmente, me marcaron de neno a mozo, non direi que a lume, pero enfin: dos Chiripitifláuticos á Bola de Cristal, de La casa del reloj aos pallasos da tele.
Emocionado polo revival, chamo por miña filla e por miña sobriña, que contemplaron as evolucións de Valentina e o Capitán Tan pola pantalla en branco e negro como quen ve desvendar unha mómia do Império Novo: silenciosas, asombradas e con certa grima.
A miña sobriña adolescente, ademais, cun aquel de lástima.
Un pouco despois, a miña filla volveu para dicer-me un segredo no ouvido: Gustaria-me ser pequena cando ti eras pequeno para poder ver esa tele contigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...