Empeza a resultar fastidioso e irritante que alguns dos meus amigos, aqueles seres que amo fraternalmente desde hai anos, décadas incluso, dean en comparar-me co admirável cabaleiro que figura á direita deste post.Hoxe, mentres tomávamos café, Vapin rubricou non sei que estúpido comentário meu coa frase A ver se vai ter razón Ti cando di que cada dia te pareces máis a House, e deixa caír a palavra sarcasmo coma unha pedra de azúcar no meu café.
O lamentável do caso é que Vapin nunca ve a série, asi que non vale; pero el volve á carga: desde a semana que vén non perdo un capítulo, os martes, non si, pois ali me tes, doutor.
Unha hora despois, visitando a arruinada casa de Polis, fago unha observación que logo hei de lamentar. Estávamos no salón deconstruído, entre caldeiros de pintura e esqueiras abandonadas, e despois de me explicar que o vai pintar en pexego salvo a parede do fundo (pero só a do fundo), que será naquela cor como bordeus para que resalten os dous grandes espellos con moldura dourada que comprou, eu pregunto-lle se é ali mesmo onde vai ir o trono.
Decato-me da metedura de pata ao ver que Polis tarda en encaixar o golpe; cando o fai, colle-me do brazo e puxa por min para fóra murmurando Doutor House, a quirófano.
Paso o resto da tarde facendo acto de contrición e tentando controlar a paranoia.
Un destes dias, mañá ou pasado, aproveitando as datas, comprarei un cilício ou algo.
Isto hai que pará-lo antes de que se convirta nun lugar comun entre os meus amigos, eses seres que amo fraternalmente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario