mércores, 3 de xaneiro de 2007

Bonecas

 Conta-me Ti que existe unha boneca extraordinária, e non só polo prezo (arredor dos 150 eurazos), senón porque, ademais de chorar, comer e defecar, pode falar coa sua mamá (ou ama) para pedir-lle o menu que lle apetece para xantar e as cousas que desexa facer, mesmo ir para a cama.
Ti sabe todo isto porque Papá Noel lla trouxo á afillada dunha amiga dela: o dia de Noitevella, a boneca escolleu para cear spaguetti e xelado; cando terminou, seguramente por mor da pesadez da dixestión, afirmou teimuda que era hora de dormir, e repentinamente esmoreceu, se é que a expresión é válida, deixou de estar operativa até que lle saíu dos circuítos e houvo que deixá-la na casa mentres todos marchavan a cear á casa da avoa (isto é, da bisavoa da boneca).
En calquer caso, o maior perigo desta boneca, a sua maior tirania, consiste en que se non son atendidas as suas necesidades básicas e caprichos, poderia morrer, desactivar-se para sempre, subir ao ceo infernal dos xoguetes, deixando atrás un corpo rosado e incorrupto e unha nena desconsolada.
De certo, á miña filla os Reis Magos non lle traerán nada semellante, ben o sei eu que fago funcións de paxe interino e bastante teño con diferenciar entre as Bratz, as Jaggets e as Barbies; recoñezo que son xoguetes sexistas, pero polo menos non se suicidan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...