domingo, 13 de maio de 2007

Anxos

Pasei a tarde do Sábado camiñando por Ithaca á procura de cousas que retratar, a miña máis recente inutilidade; seguindo o costume, converto a Catedral no meu, digamos, teatro de operacións: hai certo rebulizo no Bon Xesús, onde avían para unha boda, así que o altar maior adormece arrolado por besbellos de beata.
O meu obxectivo son os anxos de mármore que custodian o viril, e cara eles avanzo con andares de felino para fotografalos agora de perto; cando vou rebasar o cordón con borla que fecha o camiño, a voz enérxica dun sancristán surxido de non sei onde fai que desista.
Con cen ollares reprobatorios de beata no lombo e na caluga, vou para o coro: aínda ben non dou subido ao cadeiral alto, unha velluca vestida de negro e cun pano na cabeza, talvez a reencarnación da señora Bates, aparece de súpeto e espántame dalí facendo aspaventos cunha vasoira.
Por aparicións e sobresaltos coma estes, sendo neno a Catedral foi para min, durante anos, un territorio vedado.
Ben o di miña mai: o medo garda a viña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...