venres, 1 de febreiro de 2008

Moa

Cando entre cava e turrón formulei os meus desexos para o ano novo, debín esquecer a saúde; só isto explica o desastre continuado en que sobrevivo: non ben termino o tratamento antibiótico por mor da bacteria asasina volvo a el por unha infección nunha moa, de xeito que consumo decote augmentines e ibuprofenos (tamén) como outros consumen cervexas ou cafés.
Martes a dor era tan insoportable que, após unha noite toledana e fantasmal, vagando pola casa sen saber que facer, chamei ao traballo e fun ao dentista: canto traballo, canta dor por algo tan insignificante e fráxil; van xa dúas sesións de curas e, antes de que Luns o dentista faga a endodoncia, 30 euros.
Porque, aínda que á enfermeira lle entendín a cura non cha cobra, en realidade o que ela dixo foi a cura non cha cobre (o seguro), como rapidamente se encargou de aclararme en voz máis alta, interrompendo así as miñas reverencias e xenuflexións de agradecemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...