mércores, 15 de outubro de 2008

Meme €xcéntrico

Segundo o prometido, é este o momento de desvelar os cinco desexos imposibles, as cinco extravaganzas do millonario que nunca serei, hai que asumilo, e que non serán máis do que carne de soños, por moito que nos doa.
Pero se por algún imponderable o destino se revirase e a sorte me fose favorable...

1) ...teñan a certeza de que tras liquidar a hipoteca deste tobo (non é cuestión de acumular impagos posuíndo unha das fortunas do planeta), compraría ao contado unha illa no corazón do Exeo; unha illa cun cabo, e no cabo un faro en desuso, pintado de branco e anil, perfectamente confortable, para eu pasar longas tempadas lendo e escribindo rente ao mar, e espantando a melancolía á forza de sirtaki e ouzo.

2) ...asegúrolles que me axenciarei un planeta, un satélite ou un asteroide (isto si que non sei se se pode comprar, aínda que probablemente, porque se a fe move montañas que non han de mover os cartos). Tendo comprobado que nunca unha asociación de astrónomos acomplexados mo vai degradar de categoría, daríalle o meu nome ao planeta e continuaría, telescopio na man, nomeando o mar de Paideleo, o volcán Sun-Iou, a cordilleira da Gradicela, o cráter Queue Bleue, o monte Rambaut, e sucesivamente.

3) ...non dubiden que terei varios tobos polo mundo adiante, sempre dispostos para calquera ocasión imprevista e intempestiva; tomen nota, por se veñen de visita, da suite con vistas no Plaza, do estudio en Via Margutta, do palacete rodeado de laranxeiras en Alexandría, da dacha de Crimea.

4) ...dean por feito que doarei o necesario para que as autoridades recompren os terreos indecentemente cedidos á especulación; con iso afastaremos definitivamente a ameaza que hoxe paira sobre o fermoso Parque e o seu entorno. Logo veremos que se pode facer coa pirámide.

5) ...non pensen que non me cansarei axiña de todo isto: darame unha neura un día e venderei illa, tobos e planeta, e toda canta cacharrada e moblaxe arrumarían, daquela entregarei o gaño ás oenegués de costume e, cando todo se calme e os que non me coñecen me teñan esquecido, volverei vivir modesta e tranquilamente, como é debido.
E esta talvez será a máis grande extravaganza de todas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...