mércores, 11 de febreiro de 2009

Perdas

Teddy cóntame que é un home (case) sen pasado: o seu hard drive colapsou ou algo, de maneira que agora Teddy non dá entrado na maior parte das carpetas que encheu e gardou, durante meses e meses, naquelas profundas sentinas.
Dentro delas hai música e películas, pero principalmente as fotos, todas elas: as que tirou comigo son a menor das perdas, entre outras cousas porque teño copia, pero poden perderse para sempre centos ou miles de fotos de paisaxes da nosa terra, de praias portuguesas e mediterráneas, de monumentos, de bosques, de estacións de tren, de museos, de ceas con amigos, de piscinas, de habitacións de hotel, de dunas, de caras con resaca, de xantares de xubilacións, de paradores nacionais, de beixos apaixonados, de festas de aniversario, de antigos noivos, de solpores, de nacementos fluviais, de dólmenes megalíticos, de casas natais de escritores, de gatos, de amigos que marcharon para sempre, de amigas torrando ao sol, de paxaros e árbores, de coches antigos, de grandes igrexas e de capelas diminutas.
Teddy está triste pero así e todo sabe rir das broncas que escoita (tamén a min) cada vez que o conta, farto de que nas tendas polas que vai non lle dean máis solución que a de facer copias e máis copias de seguridade.
Teddy di que vai gardar o couso no conxelador, dentro dun túper, como se supón que fixeron con Walt Disney, até que dentro de cinco, dez, vinte anos, a informática teña progresado tanto que abrir as carpetas será un xogo de nenos, e daquela sairemos todos daquel cofre escuro noviños, fermosos, case inmortais.
Así ri Teddy na miña casa da súa perda e eu río tamén, sentíndolle o optimismo admirable e próximo, mentres fóra o temporal zoa furiosamente. Que así sexa, lle desexo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...