- O 2 de Abril actúa aquí Serrat e acabo de comprar dúas entradas non moi boas; unha delas é para min e a outra para Herg, que quedou coas ganas a outra vez. Espero que un xesto de amizade cunha compañeira de traballo non se confunda co que non é; entre outras cousas, porque hai anos aprendín que mellor é un non cagar onde come.
- Se antes aínda me facía graza, agora empeza a fartarme que cada vez que falo de Haddock (onte comentei na casa dos meus pais que falamos por teléfono, e que máis ou menos está decidido que nos visitarán el e a súa filla na ponte da semana que vén) a miña mai pregunte se volveron e a seguir se laie do mona e simpática que era ela. Probablemente despois meu pai dirá que el é un túzaro. Probablemente eu despois non direi nada.
- Seguramente fun algo duro na entrada que dediquei a Pradolongo: películas coma ela fanse a moreas noutras filmografías e ninguén di nada. O problema está en que eu creo que para o pouco que hai no noso cine (e na nosa literatura, e na nosa música, e na nosa) deberíamos tentar atinxir coas mans as estrelas.
- Hoxe non fun traballar; tiña un imprevisto programado desde que hai uns días descubrín que non daría corrixido aquela montaña en tempo e forma se non facía algo. E fíxeno: onte á noite quedei traballando até que os ollos me caeron sobre os exames e o boli vermello fixo corpo coa miña falanxe. Polo demais, hoxe non fixen nada especial: acordei tardísimo, lin na cama, reguei e recortei algo os gomos dos bonsais, comín unha pizza caducada e pasei o resto do día a dar voltas pola casa, atónito pola luz do sol que me entraba polas ventás.
xoves, 12 de marzo de 2009
Breves
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Gorxa
Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...

Ningún comentario:
Publicar un comentario