Ese Luns a esta distancia parece un compartimento estanco entre días ateigados de visitas a museos e ruínas memorables; se pola mañá visitáramos as diminutas igrexas bizantinas e o museíño da mesquita, para o serán quedaban a lanterna de Lisícrates e o templo de Zeus Olímpico, tras o Arco ou Porta de Hadriano.
A lanterna non é tal, e ao mellor por iso nos custou tanto atopala apesar de o plano dicir que estaba aí mesmo; prometo que preguntamos a varias persoas pola rúa, ao mozo dun bar e até algún turista, e ningún nos soubo dicir como chegar á teimosa columna que segue, tras dous milenios, salvando o nome dun autor de teatro do que non se sabe máis nada; por fin, cando xa dubidábamos de se a tal lanterna estaba en Atenas ou pertencía a algún outro tema da nosa Historia da Arte de COU, apareceu entre árbores e terrazas dispostas para a cea.
Máis adiante, descendo, está a avenida Amalias onde repentinamente nos devolve ao século o estrondo da circulación e o fume dos motores; ao outro lado desta avenida de varios carrís está a Porta de Atenas, descentrada e inútil, que un día mandou construír Hadriano e que hoxe non pode estar peor situada, obrigando os coches que van do Pireo a Syntagma a faceren un dramático xiro en ascenso para librala; Nikos xa nos advertira de que as autoridades non saben que facerlle, e o tempo pasa.
Alén da Porta está a zona arqueolóxica en que sobre todo destacan as columnas do arrasado templo de Zeus Olímpico; hai tan poucos visitantes, con esta calor e a esta hora, que os vixiantes desapareceron da vista como para lle facilitar a Teddy as cousas; aínda que ao final serei eu, menos pusilánime ao parecer, quen colla as pedras prohibidas: dous pequenos anacos brancos, renegridos por fóra, sen filiación coñecida nin desculpa.
A amplitude do terreo pelado adensa o silencio que raramente rompe algún claxon remoto; ao lonxe, a vista da Acrópole deste esta explanada, certamente, non deixa de conmover.
A Porta de Hadriano, ou o que resta dela. Abaixo, a entrada ao recinto do templo de Zeus Olímpico
Ningún comentario:
Publicar un comentario