Para entreter a espera e conter os nervios, mentres o abominable home nevaba na cociña eu no estudio ultimaba un novo episodio da saga grega (que xa vai deixando ver a luz ao final do túnel), subía oito ducias de fotos ao slide, e falaba por teléfono.
- Con Nican: Promesas de irmos visitala a nena e mais eu para alixeirar unha pesada aclaración sobre interinos, permutas, comisións humanitarias e o café para todos. De política non falamos, pero os dous sabemos que se achega un curso quente en todos os sentidos.
- Con May: que veu xusto para o concerto, que saíu indemne, e que xa marchou a pasar uns días con súa mai, cousa de chegar e bicar o santo. Despedímonos con promesas firmes de que me virá coñecer o tobo antes de morrer (ela, que para iso me leva dez anos).
- Coa miña sobriña, que chama en nome da miña mai para viren tomar café; saben que hai obras na cociña pero non dan comprendido que ou o traen nun termo (e logo quedan a limpar) ou aquí non toma café nin cristo.
- Con Teddy, para preguntarlle un par de cousas sobre a viaxe a Delfos, para contrastar unha historia que non sei se me atreverei a contar no blogue, e para anotar curiosidades da lingua grega que con certeza contarei. Confírmame tamén que irá con Denis ao circo, e que conta comigo na súa terra antes de finais de Agosto.
- Con Haddock, que está sen coche e terá que comprar outro coche, que está sen compañeiros de piso e terá que buscar outro tobo, que as cousas van así así, que por que non nos vemos, que como non ten coche hei de ser eu quen vaia á Comarca.

Ningún comentario:
Publicar un comentario