Como aquelas damas de Proust, Sábado apareceu May para tomar as augas no balneario, aquí en Ithaca, que son sulfurosas e ao parecer excelentes para moitas avarías máis das que ten May.
Esta May, que viviu un curso en Ithaca hai polo menos tres lustros, quería ver como mudara a cidade en todos estes anos, pero o asunto termal pola mañá e pola tarde esta calor serodia e pegañenta que toca agora, complicaron a visita até facer imposible ningún paseo pola Muralla ou por Mouse Park.
Non direi, porque non mola nada, que cambiamos tales grellas polo aire acondicionado doutras termas moito máis modernas e menos romanas, onde a señorita Kaplan merendou salchichas escoitándonos pasar lista de amigos e actualizar biografías, estados civís, destinos, desatinos e até traicións das que xa non moven muíño.
Si direi, porque foi tan certo como inesperado, que fixemos unha linda e pequena travesía fluvial polos caneiros o Domingo á tarde: o sol incendiaba as pólas de ameneiros, bidueiros e carballos, as augas fulguraban ao paso do catamarán, e a señorita Kaplan, correndo desatada de proa a popa, acababa coas baterías da cámara retratando aquelas beiras que parecían selváticas.



Ningún comentario:
Publicar un comentario