martes, 1 de setembro de 2009

Pandemia

Hai semanas que non vou visitar as miñas tías G. e O.; é verdade que cando as visito é de páscoas a ramos, pero esta vez é sen remorsos de ningunha clase.
Miña mai, que vai por alí varias veces á semana, cóntame que a tía G. está aterrorizada coa nova gripe, que non dá bicos nin apertas, e que lle preocupa que os sobriños traiamos algo para a casa de aí fóra, dese cochino e revolto mundo ao que teimamos ir apesar do ben que se está en España.
Pase que o fillo da miña prima I. vaia o pobre con frecuencia a Asia polo seu traballo, pero irmos eu a Grecia, onde non hai máis que turcos, e a prima C. a Malta, que está chea de negros, é ilas buscando por capricho: así falou a tía G., que ademais dos nervios ten o mapa patas arriba e ao paso que leva acabará poñendo luvas e máscara até para ver os telediarios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...