domingo, 15 de novembro de 2009

Atracos

Onte a señorita Kaplan e eu fomos atracados, en poucas horas, tres veces, e con só nos achegarmos a un cine.
Primeiro, foron 13 euros por dúas entradas e a flagrante compobación de que tanto ela coma min estamos nunhas franxas de idade prematuras e pouco favorecidas: nin ela ten o desconto do carné xove, nin eu o desconto dos xubilados.
Como como a peli tiña un descanso de dez minutiños, e como destruír todo un planeta dá moita sede e algo de fame, no ambigú soltei 9'50 eurazos só por un botellín de auga, unha cocacola e un pacote de flocos de millo; supoño que foi unha sorte non pedir ademais unha bolsa de m&m ou tería que ter deixado a americana en prenda.
Por último, a terceira na frente: como o coche pasou tres horas no aparcamento do centro comercial en que está o cinema, a máquina, impertérrita, reclamoume 7'35 implacables euros, de maneira que a festa ascendeu a trinta euros menos quince céntimos.
Aínda ben que a película, que non marcará un fito na historia do cine por moito que ao final acabasen casando, foi divertida, e que a nena (e seu pai tamén) o pasou estupendamente vendo como o planeta ficaba patas arriba, pero tampouco demasiado.
(E até aquí podo ler).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...