sábado, 26 de decembro de 2009

Pais e fillos

Os pais son os ósos en que os fillos afían os dentes.
A frase, terrible, non se me vai da cabeza desde que falei con Ambece, case unha hora a describirme un SAP de libro: que os fillos non voltaron á casa en Agosto despois das vacacións co pai, que catro meses despois seguen negándose a voltar, que só se poñen ao teléfono para que lles mande roupa e xoguetes que deixaron alá, que están tan programados que até aseguran que ela lles pegaba cun pau e lles turraba dos pelos se non comían.
Non sei que dicir mentres me atravesa o tsunami de palabras: tuso ou digo algunha cousa para que Ambece saiba que sigo deste lado; teño medo de que chore cando conta que a avogada lle recomendou non loitar por recuperar a custodia porque sería como meter dous monstros na casa, ou que os veu ver na ponte, que fixo dous mil quilómetros para que non quixesen xantar con ela, e que se baixaron a vela ao portal foi por intercesión do pai.
Aínda así ela é tan dura que non chora; di que leva chorado tanto que xa non ten lágrimas, pero que non me preocupe, que se a outras mulleres lles morreron os fillos, e sobreviviron a guerras e desastres en que o perderon todo, como non vai ela superar isto.
Desde aquela, cada vez que penso na señorita Kaplan sinto que unha agulla me traspasa de lado a lado. Eu sei que non teño o valor de Ambece.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...