sábado, 16 de xaneiro de 2010

Tías

A familia anda revolucionada e remordida: as irmás máis vellas de meu pai, altamente octoxenarias, anunciaron o Domingo que van deixar a casa para írense a unha residencia xeriátrica. Atrás quedan caídas, alarmas de madrugada, falsos mobbing, noites en branco e outros sobresaltos.
Non vai ser unha mudanza inmediata, porque non hai motivo de urxencia nin prazas vacantes, pero as miñas tías fixeron xa a petición, soltaron a bomba, e aquel agónico modelo de familia tradicional, que aínda sacode os tentáculos no fondo de todos, percutiu en cada casa como se as tías en verdade solicitasen a deportación para un campo de exterminio.
Meu pai cala e miña mai di que fan as coitadas de tripas corazón, que se autoconvencen pasando lista ás amigas que foron para alí ultimamente, dicindo o estupendo que é teren perruquería e salón de xogos, e ningunha falta de iren ao súper ou de faceren de comer cada día.
Mesmo a tía G., a muller máis negativa e pesimista deste mundo, empeza a crer nas vantaxes de se mudaren á residencia, apesar dos vellos, agora que lle aseguraron que poderá levar o novo televisor de 40' para ver no seu cuarto gayosos e novelas mentres a tía O. xoga abaixo á brisca e practica tai-chi.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...