A miña mai resume o meu drama nunha frase condicional: se meu cuñado usa o coche para traballar, e eu só o uso para ir ao traballo, ben podo empregar o resto do tempo en transportar inxentes candidades de parentes dun lado para outro.
Como exemplo, eis a folla de rota desta mañá:
10'50: recoller a meu pai para levalo á casa das tías.
11'00: deixar a meu pai coa tía G. e recoller a tía O. para levala á caixa de aforros.
11'40: deixar a tía O. na súa casa e levar de novo a meu pai á del. Cambio de planos: meu pai prefire quedar coas irmás e que o recolla á hora de xantar.
11'55: volver na Biblioteca libros e DVDs fóra de prazo. Con rapidez, por se os funcionarios me din algo sobre o tema, pero non tanto como para bater coa xente e o mobiliario
12'05: recoller a miña mai para levala a ver ao seu irmán H., que está malo. Miña mai leva unha bolsa do gadis cun queixo e unhas filloas pero ningunha xerriña de mel.
13'20: acábase a conversa e a visita fai augas. O tío H. fuma tanto que debe ter os pulmóns máis negros que os dedos; cada vez que tuse é como se a terra se abrise.
13'45: regresamos a Ithaca para recoller o meu pai. Nun lameiro vemos as primeiras cegoñas este ano.
14'07: con meu pai baixan o tío P. e a tía C., que foron visitar as tías; como viven onde Cristo deu as tres voces e o día promete choiva, ofrézome a levalos.
14'27: despois de deixar os meus tíos ao pé da súa casa, volto cos meus pais á deles para xantarmos. Nun semáforo, pítame desde un coche negro un macarra chamado Polis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario