martes, 8 de xuño de 2010

Lost

Hai un par de semanas ou así que o lector de MP3 está desaparecido. Dá igual buscalo polas gavetas, nos petos dos pantalóns, baixo da cama ou entre os exames que fermentan riba da mesa: non aparece por ningures e iso desespérame.
De cando en vez volvo os ollos á cadela, tranquilamente durmida aos pés; debe notar que sospeito dela, porque tamén de cando en vez olla para min un pouco perplexa e volve adormecer. Cústame reprimir a tentación de achegarlle a orella ao lombo peludo, por se dou escoitado ao lonxe a Raíña da Noite ou os ecos de Corcobado.
Se pasou o que creo que pasou, a estas alturas xa nada restará xa do aparello, moito menos de Luz Casal, de Billie Holliday ou dos catro de Liverpool.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...