martes, 1 de xuño de 2010

Sete rarezas sete

Benzóns aos memes, que axudan a aturar a carga das actualizacións en tempadas de vacas fracas e secas pertinaces.
Este co que inauguro Xuño collinllo á querida Noe Pastor, e antes de que haxa estampida xa adianto que non encomendarei a ninguén que responda se non quere.
Disque hai que contar sete rarezas propias (o que non negarei ter feito antes: se alguén descobre que me repito e teimo nas mesmas, acepte as miñas desculpas anticipadas e teña a ben abandonar Ithaca sen ruído).
Non sei se hai que lle adicar o post a alguén raro-raro, como ela fai; por se cómpre, adicaréillelo aos teletubbies e á aspiradora con vida propia que coida deles, en lembranza daquelas interminables merendas da señorita Kaplan.
1. Pásoo de medo respostando memes, proba do cal é este mesmo blogue, que está inzado deles. Pouco a pouco funme decatando de que non todo o mundo pensa igual, así que agora tento non meter a xente en compromisos.

2. Sempre que escoito a información do tráfico pola radio fágome a promesa de ir coñecer algún día lugares tan exóticos e atoados como La Gota de Leche, os accesos a Rivas-Vaciamadrid, La Cuesta de los Dominicos ou esa invariable capital malacitana.

3. Son especialmente rariño no que atinxe ao móbil: esquezo recargalo, levalo comigo, conectalo; pode durmir durante días no coche ou quedar sen batería sen eu sabelo. Sábeno os que me coñecen ben, aínda que non o entenden, pero con frecuencia acabo tendo que dar explicacións e xurando que se non devolvo as chamadas é máis por non saber que por non querer.

4. Odio perder o tempo nunha perruquería a cortar o pelo, odio barbearme, odio ir comprar roupa, odio deitarme ao sol nunha praia: así e todo, sen considerarme un adonis, tampouco me considero un adán.

5. Non son un varón convencional, se por tal entendemos que se me supoñen as habilidades dun marido tradicional: non entendo de mecánica automobilística, odio a trade furadora, os parafusos, chaves inglesas, conexións, motores, martelos, caravillas, e desde logo os electrodomésticos avariados. Evidentemente, non serei eu quen pase os últimos anos a ollar as oscilacións dos guindastres nas obras.

6. Chamarlle pracer poder ser excesivo, pero gústame baixar o lixo; ademais, levar o papel a reciclar, o vidro ao seu contentor, as pilas ao delas, os medicamentos caducados á farmacia e demais fai que me sinta encaixado nunha enorme engrenaxe social, e iso encántame.

7. Soará herético, pero eu son de versión orixinal subtitulada só cando non hai máis remedio: considero que unha boa dobraxe enriquece calquera película, que o director non concibiu a película con texto, e que mentres un está a ler deixa de atender os detalles visuais que si puxo o director; desprécenme os puristas, pero algunhas voces de dobraxe dos 60 e 70 até conseguen poñerme de bon humor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...