mércores, 14 de xullo de 2010

555

Pois ben, aquí estou, sentado á mesa entre unha caixa de clínex e un vaso de eferalgán, cos ollos revoltos, a cabeza coma un bombo, o nariz entullado: consecuencias de tanto aire acondicionado, da exposición a ventos e soles diferentes, da molleira da semana pasada, pode que até do cambio de hora, como diagnosticou onte a miña irmá, a quen só falta un par de etiquetas de nescafé para obter o título de medicina.
Desde o día da partida o contraste das temperaturas foi constante: no autobús de ida, Teddy e eu fómonos cocendo lentamente durante seis horas longas, encaixados nos asentos e conectados umbilicalmente á radio do seu móbil; Madrid amenceu fermoso, coma sempre, con esa rosada luz que ultimamente lle vexo: sentín envexa dos que ían ao traballo polas rúas frescas e as avenidas recén regadas.
No aeroporto facturamos sen problemas e esquecemos o pesadelo coquinario coa rapidez con que nos secaban os círculos baixo os sovacos; algo moi de agradecer, tendo en conta que, non bastando con descalzarnos e todo o máis, até fun cacheado por un axente no rexistro previo ao embarque.
Sen que sucedese no voo nada destacable, e sen xantarmos máis que a triste comida do avión, chegamos ao hotel. Rexistrámonos con algo de aprensión, habida conta as informacións de viaxeiros descontentos que léramos nalgúns foros; algunha falaba en concreto do cuarto 555 que, para non prolongar máis a intriga, foi o que se nos asignou. Pois ben, en sete noites non acordamos con ningún ruído estraño, nin sentimos correr a auga dos cuartos viciños, nin vimos nada fóra do común.
E ben que puidemos: a aquel interminable corredor en que estaba a porta 555 só lle faltaba un triciclo abandonado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...