O día comezou mal: no garaxe, ao ir para o traballo, a columna de marras moveuse do seu sitio e rabuñoume cunha aresta a impecable porta do acompañante.
Dá igual se a ferida na chapa non é gran cousa: cos coches novos pasa como coa virxindade, que ou se ten ou non se ten, e, por moitas voltas que se lle dea, agora este coche xa non é novo.
Ás catro, cos pratos aínda sobre a mesa e dubidando se poñerme a monear na butaca mentres os ñus corrían no Masai Mara, entran sucesivamente tres chamadas: miña irmá con noticias dos nosos pais, que virán á noite e hei de ser eu que quen os vaia recoller á estación porque a súa relixión lles prohibe coller un taxi; a seguir chama Teddy, que desembarca aquí Venres para xantarmos xuntos e a quen un pouco tenso houben de marcar minuciosamente os parámetros da visita, porque pola tarde hei de ir buscar a nena; por último, quen chama é Polis; hai séculos que non nos vemos e escolle precisamente esta noite para traerme o agasallo dos meus anos en troques dun convite que hoxe é imposible porque teño que esperar polos meus pais, e Venres despois do traballo tampoco pode ser, porque é cando xanto con Teddy e logo á tarde ir pola señorita Kaplan, que estará comigo o finde. Polis rosma un pouco, por se dá aberto algunha fenda, pero porfín acepta que lle dea cita para o Domingo á noitiña, como no dentista.
Pola noite meus pais chegaron con retraso; durante hora e media paseei polo vestíbulo da estación para non arrefecer, coa única compaña duns poucos viaxeiros e as súas maletas, o home que pulía o chan cunha máquina, e un grupo de patibularios que socializaba á volta dun cartón de viño. Cando chegou o bus aínda houben de escoitar unha bronca por ter deixado tan lonxe o coche; se ademais chegan a dicir algo da porta, xuro que saímos nos sucesos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario