Seguir as sangrentas peripecias de Dexter, o bon psicópata, acabou por converterse nun auténtico desafío á miña paciencia por causas totalmente alleas á serie, que se deixa ver aínda que con moito menos entusiasmo do que esperaba.
Canta teimosía cómpre para sentar cada tarde diante do portátil, cruzando os dedos para que o capítulo traia a dobraxe sincronizada co movemento de labios dos actores, encomendándose a un santo ventureiro para que o tempo de visión cubra o que dura o episodio, para que os minutos sexan efectivamente de 60 segundos auténticos; por se fose pouco, os altofalantes do ordenata fallan, así que os meus ouvidos, que desde logo non son os máis agudos a este lado do Pecos, perden moito do que non deberían perder.
Pero a esmagadora dúbida, que Hamlet formulou moito máis elegantemente, rematou: tal e como estaba combinado, Domingo pasou Polis para traer a solución embrullada en papel do Carrefour; traía ademais consigo dramáticas historias de crise inmobiliaria que disolveu en burbullas de cervexa e ondas de fume de cigarro, e outras novidades no panorama cardíaco que explicaban os cambios na vestimenta, a reaparición da mosca no seu queixo e, posiblemente, os altos niveis de dopamina en sangue e aquel estro de endorfinas que ía deixando ao paso: despois de nos escornarmos con amabilidade (naturalmente pagarei eu, que para iso celebro anos) o vindeiro Sábado volverei ter o gusto de coñecer un novo señor Polis, acto este que por certo empeza a se converter en rutina.
Para daquela unha nova familia adoptada, esta vez os Soprano que Polis traía ao completo baixo o brazo en sobria caixa de cartón, estará instalada a corpo de rei na miña casa e nas miñas tardes, mentres Dexter, definitivamente, goes home.

Ningún comentario:
Publicar un comentario