Onte Sábado foi un día moi familiar, mesmo sen estaren meus pais, que empezan a parecerse ao tío Matt de Fraggle Rock, aquel que enviaba postais desde os lugares máis dispares do mundo exterior; con crise ou sen crise, eles atopan sempre billetes para illas, roteiros da terceira idade ou balnearios, e cando regresan emborráchannos con crónicas interminables de bufés, reencontros con coñecidos doutras viaxes, compras e visitas a monumentos inverosímiles (acueduto de Granada, murallas de Mérida, Giralda de Toledo).
Mentres facemos acopio de paciencia, pois en tres días estarán de volta, miña irmá e eu visitamos as tías na residencia: atopámolas sentadas no salón da televisión, onde un mar de vellos matan as horas que restan para o xantar; as tías emociónanse ao vernos, e todos nos miran cando saímos para o cuarto; arriba, á volta da mesa redonda, falamos de cousas triviais que complican os fallos no sonotone da tía G. e a dureza de ouvido que comparto coa tía O., de maneira que a miña irmá acaba facendo de moderadora e intérprete, e todos berramos como na tele, repetindo frases sobre a saúde e a comida que lles dan e as nenas e os meus pais e o ben que elas están alí, mentres elas poñen cara de non as teren todas consigo.
Despedímonos no vestíbulo; deixámolas na corrente que se dirixe ao comedor e onde vemos un pouco de todo: de chándales a boinas ancestrais, de loitos rigorosos a cardados imposibles, de muletas a andadores; é a hora do xantar e arrecende deliciosamente alí a carne asada e verdura.
Sen que no coche fagamos referencia ao nó que os dous levamos no estómago, déixome invitar á da miña irmá: hai carne á pedra, que meu cuñado coloca con coidado sobre a mesa do comedor; todos están entusiasmados con esta comida, pero eu fago imposibles para non ollar o prato de carne crúa e sanguinolenta da que collemos as talladas que asaremos; logo, coa cadela estomballada aos nosos pés, na sobremesa prolongada capuccino tras capuccino, a miña irmá e eu puxémonos a pescar da memoria escolar común non só pobres almas cándidas senón tamén auténticos fillos de puta.

Ningún comentario:
Publicar un comentario