Non é certo que, como dicía o outro, agora de case todo hai xa vinte anos. Hoxe (mañá en realidade, por causa da diferenza horaria) cúmprense trinta anos do asasinato de John Lennon, ou o que é o mesmo, do día en que a morte se instalou para sempre como inquilina indesexable dos campos de morangos.
A lenda di que había pezoña neles desde moi atrás, que os diamantes no ceo de Lucy se volveran opacos co fulgor do diñeiro, que as extravagancias da psicodelia xa non eran nin inocentes nin divertidas, e que de Penny Lane acabaran expulsando a banda dos corazóns solitarios para convertela nunha covacha de hipócritas que só pensaban no beneficio propio.
Os xornais informarían nos días seguintes que o asasino, un camareiro que cría ser Holden Caulfield, escolleu a Lennon porque era o máis famoso dos Beatles e a encarnación da mentira en que se converteran; o que non sabía é que matando o home estaba a reforzar un mito que formaba xa parte da memoria e dos corazóns dos homes, e que como tal perdurará para sempre.

Ningún comentario:
Publicar un comentario