Como no conto do pastoriño e o lobo, despois de tantos anuncios porfín chegou a neve; cando onte me fun para a cama, unha néboa londinense amortallaba a cidade e un post irónico sobre a falta de tino dos meteorólogos esperaba ser terminado pola tarde.
Cando me erguín esta mañá a neve refulxía ao sol, fermosamente, e o móbil esquecido no coche gardaba dúas mensaxes que lin por casualidade moito despois, co motor xa aceso e o portón do garaxe aberto para saír.
Por mor da nevarada, o director suspendía hoxe as clases no meu instituto; polo mesmo motivo, a outra mensaxe indicaba que as eleccións sindicais se retrasaban unha semana.
Estou seguro de que o meu corazón ten acollido gozos moito maiores, pero teñan por seguro que o que sentín naquel momento, sentado diante do volante e co móbil aínda iluminado na man e a carpeta repleta de exames sen corrixir no asento do copiloto, merece sen dúbida un lugar de honra na relación de momentos sublimes da miña vida. Á espera do día que me poña coas memorias, fago constar aquí hoxe que os exames ficaron onde estaban, que deixei o coche ipso facto, e que a correr fun arriba pola cámara e ao rocho polas botas.
E é que Mouse Park, xélido na mañá xélida e vestido de branco coma unha noiva antiga e morta, estaba a agardar un fotógrafo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario