Hoxe no café non fomos menos e fixemos memoria daquel Luns de hai 30 anos, cando o país estivo á beira do abismo e finalmente optou por achantar coa vergoña que a tele nos botou ás caras, vacinándonos cunha sobredose do que en realidade sempre viñera sendo España durante dous séculos: cuartelazos, militares sobreactuados, políticos mediatinta, constitucións sen substancia e ecos testiculares e salvapatrias.
Como en case todos os acontecementos históricos que me tocou vivir, tamén aquel me pillou nunha aula: non como profesor senón como alumno; en 2º de BUP e con 15 anos, as fotos daquela póñenme diante un mociño fraco, con ollar serio, reacio ás gafas apesar da miopía, cunha leve sombra escura sobre o labio e o pelo un pouco longo pero aínda sen melena.
Hoxe no café uns e outros van contando onde estaban e que fixeron tal día hai tres décadas: dous eran xa profesores e Erg facía as prácticas de maxisterio; E., fóra de contas desde había unha semana, daba a luz no Materno, hoxe recén pechado, o fillo máis vello; Cam facía primeiro de Filoloxía, Chicles no Pelo primeiro de BUP, e M., con cinco anos, supón que pillaría unha perrencha monumental porque ese día non puido ver os debuxos animados antes de ir para a cama.
Daquela noite interminable lembro que a noticia de que a Garda Civil buscaba terroristas no Congreso nola deu a miña mai cando chegou do traballo, que ceamos coa radio posta e constantes carreiras miñas á televisión, que ao día seguinte tiña non sei que exame que logo no faríamos, e que acabei indo para a cama cos apuntamentos e un transistor esperando a ver se o Rei falaba dunha vez ou que, e que, cando acordei pola mañá para ir ao instituto, sobre a miña roupa había unha nota de meu pai que, máis ou menos, dicía: "Non fales hoxe de política fóra da casa".

Ningún comentario:
Publicar un comentario