Ando a ler o sorprendente e por veces altamente recomendable Menú de enganos de Manuel Núñez Singala, un conxunto de relatos breves organizado á maneira da carta de pratos dun restaurante. Para facermos boca, quero copiar o primeiro deles, "Inculturación", da sección Para picar.
Non sen malicia, ilústroo con esta foto de varias meniñas fortemente inculturadas nas manifestacións do ano pasado en Compostela.
Alí parados os tres na espera do verde dun semáforo aparentaban unha posición acomodada: ela ía vestida de domingo, con tacóns, unhas mechas discretas no cabelo e unha estola de pel; el, acabado de afeitar, de traxe azul escuro e gravata a listas, co xornal fresco baixo o brazo. A nena, catro anos, con marcados trazos orientais, levaba un traxe de galega moi "riquiño". De fondo escoitábase a banda municipal tocando "Negra Sombra".
Ela, asegurando o ganchete do seu marido, díxolle:
-Así que la niña te sea un poco más mayor, quiero que vaya aprender chino.
-¿Y luego para qué? -preguntoulle el.
-¿Para qué va ser?, para no privarla de su cultura.

Ningún comentario:
Publicar un comentario