O bon da Primavera sen dúvida é a mellora do tempo, e eses dias longos que parecen intermináveis sen a permanente ameaza do solpor dos dias invernais.O pior da Primavera é sen dúvida o cámbio que provoca nas persoas: a xente aparentemente tranquila acorda do seu dia a dia e contrai a perigosa enfermidade da mudanza; alguns inician dietas, outros comezan cursos de idiomas ou namoran; hai-nos que se inscreven en xinásios, grupos vexetarianos de meditación ou ONGs; tamén hai quen descobre (parece mentira) que o seu armário está deixado da mao de Deus, ou que o que está deixado da mao de Deus é a sua própia vida, e argalla ideas de como mudar o triste futuro que agarda.
Asi, cada ano, o pior da Primavera son, sen dúvida, as bodas.
E os que vivemos a este lado do camiño, ao volvermos un dia do traballo cheos de fame, abrimos o buzón (ou descolgamos o teléfono, non seria a primeira vez) e atopamos, entre as cartas do banco e a publicidade, un branco sobre excesivamente longo, ou excesivamente adornado con dourados e flores, e inequivocamente intuímos que alguén se lembrou de invitar-nos ao seu casamento.
E asi sucedeu hoxe, Mércores da trégua, ao volver do traballo: entre as cartas do banco e os folletos sindicais, un sobre beige excesivamente longo, adornado con duas alianzas e duas pombas, convoca-me a unha cerimónia civil no mes de Maio.
Porfin, despois de 10 anos (talvez máis), dous fillos e unha hipoteca, Aurora e Taciturno regularizan o seu estado civil.
A cuestión agora é: o tradicional xogo de café ou un inovador (e útil) xogo de maletas?
Nona e Tere Holmes, plis, que opinades?
Ningún comentario:
Publicar un comentario