Abraiante, rotunda, espléndida, como sempre impontual, acode á nosa cita.Non é necesário dicer o seu nome: está nas mimosas que sobreviveron á acción destrutora do Inverno, nas floriñas esparexidas ao pé das murallas de Ithaca, nos gomos verde claro das pólas de cada árvore.
Está no meu nariz, no meu corazón; tamén na excitación presente máis do que nunca ao Sul do meu ecuador, como unha resposta do sangue á chamada primitiva e orixinal.
En definitiva, no apetito sexual case feroz.
Está nos amigos que vou atopando polas ruas, sen casaco nen abrigo; está nas terrazas abeiradas aos bares de costume, na xente que enche as prazas, no calendário que agoira exames e unha avaliación que se toca xa coa ponta dos dedos.
Tamén nas vacacións de fin de trimestre, nos proxectos, contraditórios, subitamente recobrados para esas vacacións:
mentres Vapin recupera a vella idea de irmos a Londres nos festivos, un Pólis desencantado dunha lua cada vez máis minguante oferece-me o ouro e o mouro se vou con el a Marrakech.
Hamletizo-me durante uns dias: desloco-me mentalmente da medina aos megalitos de Stonehenge, deambulo entre dúvidas por Camden mentres os muecins chaman á oración no serao púrpura do Venres Santo, e digo para min non, e tamén digo non máis outra vez.
Esta noite negarei-me a Pólis, ainda que o porco que ceemos no chinés se torne máis ágri que doce e non se poida comer.
Na noite de San Patrício negarei-me a Vapin, ainda que a cervexa se volva tan negra e tan amarga que deixe de ser cervexa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario