Se unha das testimuñas no casamento da semana próxima vai levar pamela ou similar, a outra (eu) levará gravata, asi está escrito.Pero tamén o está que non vai gastar nela un céntimo, e asi acode ao gardarroupa do amigo Polis para escoller unha sen saber en que faramallos se mete.
Colgadas nas portas do armário, enroladas en primorosas caixiñas de cartón ou cortiza, pregadas nas gavetas, penduradas nunhas curiosas perchas múltiples, hibernan dúcias e dúcias de gravatas (Polis afirma que deixou de contá-las ao chegar ás duas centas cincuenta) de todas as cores, tamaños e texturas: de raso, de la, de seda, de coiro, de pana; con raias, puntos, aspas, triángulos, ovellas, dinosáurios, rombos, corazóns, dromedários, follas, caracois, números, flores; discretas, modernas, clásicas, rechamantes, atrevidas, escandalosas...
Mentres remexo, Polis fuma e toma o chá antioxidante, e conta-me o seu último descubrimento: A que non sabes o que é un blog? Vas flipar; lin-o en El País un dia destes, verás: un blog é como un diário que se escreve en internet para que todo o mundo o lea...
Escollo unha gravata azul de condutor de bus, outra de raias e parezo meu pai, unha negra que me pon de dó, a outra para apelar ao Supremo, esta verde é impensável para unha boda, esoutra de listas parece hipnótica...
Dou en zozobrar, até que Polis me pon nas maos unha que é perfeita.
Alucino tanto que mesmo prometo a Pólis, mentres lle fai o nó con maos expertas, que pensarei mui pero que mui en sério niso dos blogs, ou como se chamen eses diários de internet dos que me estava a falar.
Pero estás seguro de que Aurora non me vai arrincar os ollos cando me vexa con isto ao pescozo? pregunto ainda. E Polis, sorvendo tranquilamente no chá: polo amor de deus, que parvo tas, non ves que é un van gogh?
Ningún comentario:
Publicar un comentario