O conceito de morte é inaceitável. Conviver coa sua existéncia e asumir que a vida termina non fai que a morte se entenda mellor.Un simplemente se habitua, pero nunca a dá comprendido.
Onte, xantando na dos meus pais, falamos do pai de Vapin. Aquela, sen eu sabé-lo até despois, foi a gota que rebordou o vaso dunha semana inzada de mortes que a miña filla foi descobrindo nos informativos: na tele e na rádio do coche falaron da guerra no Líbano, dun accidente ferroviário, de homes que mataron as suas parellas.
Pola tarde, sentados no Parque mentres a nena merendava, comezaron as preguntas; pedir-lle entón que entenda que algun dia, dentro de muitos anos, cando todos sexamos mui mui pero que mui velliños, todos morreremos, non serve: Pode que ao mellor os avós morran, pero a mamá e ti non ides morrer nunca, cortou ela.
Reparo en que xa non é tan pequena para non decatar-se do estraño da morte, nen tan maior para asumir que non hai máis explicación que descrever o fenómeno en si, co seu léxico ambíguo (descansar, ir-se, desaparecer, enterro, cinzas).
Sei que seguirán as preguntas, pero eu, maldita sexa, non teño as respostas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario