mércores, 3 de xuño de 2009

Doutores e doentes


1. Ambece mándame unha mensaxe de móbil para anunciar que xa leu a tese, que xa é doutora. Sei que é en Pedagoxía, pero non me resisto, e na resposta cos parabéns dígolle que meu pai ten gripe, que lle receite algo.
Dez minutos despois, nun sms dime por onde me podo meter o móbil e pregunta que planos teño para este Verán.
Apago o móbil e non resposto.

2. Eu non o sabía daquela, pero efectivamente meu pai ten catarro e está dun humor pésimo; supoño que é normal despois de que todo o mundo lle preguntase se tiña a gripe porcina. A vantaxe de ser o último en meterme con el é que xa nin se molestou en respostarme; simplemente me ignorou, e seguiu xantando.

3. M., probablemente a mellor adquisición para o claustro este último curso, cumpriu a súa promesa e a semana pasada avisoume de que volvía a miña serie favorita viva. Agora eu non sei se contarlle o que miña irmá, que ten cadeas temáticas e leva varios capítulos de adianto, me contou a min hoxe.
En tempos, se non lle dabas propina ao acomodador, podía contarche que o asasino era o mordomo; agora, por moito menos, pode que che digan como morre unha doutora á que hai que matar porque ten un papel noutra serie.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...