sábado, 13 de xuño de 2009

Exames


É un feito cientificamente demostrado que os exames se reproducen sobre as mesas dos docentes en determinadas circustancias.
No meu caso non as hai mellores: coa repentina suba das temperaturas, co sol que os agarima unha vez que a néboa levanta pola mañá, coa sensación de que está todo o peixe vendido e as vacacións xa se tocan coa punta dos dedos, o monte de exames non só non desce senón que inexplicablemente aumenta, coma as tentacións e os malos pensamentos e os desexos impuros.
Renego de min, que nunca aprenderei a poñer exames curtos e rápidos de corrixir, sota, cabalo, rei, e vía. Paso o boli, vermello, sobre os folios como un arado por un campo en barbeito e fantaseo con aquela lenda dos profesores que guindan cos exames a un corredor e dan a nota máis alta ao que máis lonxe chega; podería dicir que os perdín, que mos roubaron do coche cos cedés de Ana Kiro e uns klínex, que alguén mos levou da barra do bar cando almorzaba, que fixen limpeza e os tirei por despiste; podería poñerme enfermo, sufrir un accidente, unha apoplexía, unha insolación, a gripe... para que os corrixa outro.
Prometo que me flaxelarei despois como castigo, pero polo de agora só podo coller outra vez o boli e seguir arando neste ermo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...