venres, 26 de xuño de 2009

Ídolos


Hoxe soubemos que Michael Jackson, o negro que tiña a cara branca, morreu na súa mansión en circunstancias aínda pouco claras; os xornais, as televisións, as radios, os blogues e até os meus colegas do instituto, informaban esta mañá amplamente do deceso.
Moito máis discretamente, case con desgana, só algún xornal informaba ademais da morte de Farrath Fawcett-Major, o máis loiro, infatigable e deslumbrante anxo de que dispuxo Charlie, e tamén o único que, nun poster de Lecturas ou de Semana, desde unha das catro esquiniñas da miña cama (des)velaba a miña puberdade e gardaba a miña alma (ou ma condenaba, segundo como se mire).
Os ídolos caen, antes ou despois, engulidos polo tempo: se nos conmovemos coa súa desaparición é porque con eles se vai tamén unha parte de nós mesmos; talvez con eles morremos nós tamén un pouco.
Descansen en paz. Os dous.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...