sábado, 28 de novembro de 2009

Statu quo

A caza do home non deu aínda resultados: Polis segue desaparecido, e eu vou deixando un estro de sms, chamadas a fixo e móbil, e visitas estériles ao seu felpudo.
E nada, salvo unha mensaxe sen vogais prometendo pasar por aquí un día destes.
Non hai que preocuparse, supoño: cando veu a última vez para traerme o serodio agasallo dos meus anos, ese libro que el cre que é dos que lle mudan a un a vida e ese disco que efectivamente é dos que a min ma mudaron, non me pareceu que lle pasase nada; algo contei aquí tamén do diagnóstico que fixo sobre o meu perímetro, causticamente: téñenme comparado con moitas cousas e persoas ao longo da vida, pero nunca até ese día ninguén me dixera que, con estas lorzas e esta barba máis e máis cana, me vou parecendo ao señor Ministro de Xustiza.
Á terceira cervexa puxémonos a buscar pola cociña algo que picar, coma outras veces, e logo apalancamos no salón vendo, baixo densas nubes do seu tabaco (agora rubio), a película que Polis escolleu.
Á cuarta, a conversación era tan fluída que só os exorcismos desde a tele interrompían a crónica de embargos e EREs, o panorama lingüístico e educativo, a danza de alakranas e alacráns, o informe dos seus lentes, a historia do acuario e eu que sei que máis.
Así que, cando marchou, nin el me contara a min nada do seu cesamento da convivencia con E., nin eu a el tampouco dos meus cafés cunha muller que, sendo nena, tivo unha vez uns chicles pegados no pelo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gorxa

Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa. Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o da...