E mañá aínda vén o "Domingo Tris", en que, efectivamente, como calquera Domingo, a señorita Kaplan marchará para a casa da súa mai despois de catro estraños días aquí: Onte, que era Domingo e festivo, foi día de abriren as tendas; pero hoxe, que era Luns e non festivo, as tendas estiveron fechadas.
A nena veu cargada de deberes, e cumpriume liberala de pór a mesa para que se centrase en cálculos sobre absurdos tendeiros e mazás amarelas e coloradas, rapaces que intercambian bocatas, e libreiros que prestan libros polas cores das súas cubertas. Dadas as magnitudes industriais do meu cocido, o xantar de Domingo repetiuse hoxe, con idéntico menú, idénticos comensais e até case idénticos temas de conversación.
A variante foi que hoxe unha desas nefastas conxuncións astrais causou o espectáculo de a porta da neveira descolgarse dos seus gonzos, ou do que fose, e estrarme a cociña de ovos escachados, leite, imáns rotos, kas de limón, un cu de botella de cava da véspera e unha negra nube de xuramentos e blasfemias.
Acabei tan canso despois de baleirar aquel sarcófago, despois de tendelo no medio da cociña, despois de parafusar, desparafusar e reparafusar aquela porta do sarcófago, despois de levantalo de novo e volvelo ao seu lugar e reenchelo, e pasar de novo a fregona por centésima vez ao chan, que o paseo que dei coa nena non foi para alén dos contentores de reciclaxe onde levamos as botellas.
Máis que nada por facer algo e evitar que o tedio nos comese.

Ningún comentario:
Publicar un comentario