Estou xa de volta, consagrado á escapada turca e a súa interminable danza de hoteis e tarifas. Desde que voltei o Domingo non deixo de escoitar crónicas e louvanzas do peplum, e até a miña mai ameaza con vestirse de matrona para o ano que vén.
A cadela, que quedou con eles a proba e durmiu civilizadamente na cociña, recibiume exultante, cuns espasmos e convulsións entre orgásmicos e epilépticos (en calquera caso, moi esdrúxulos) pero que non deixan dúbida á máis prolongada convivencia xunto deles a semana próxima, na escapada turca.
Atrás restan os dous diíñas na Comarca xunto aos Haddock: houbo poucas fotos (non moitas máis que a da illa de San Simón desde Cesantes que ilustra o post), moita calor e poucas visitas, pero por contra non houbo xantar ou cea que non acompañasen pementiños de Padrón, adicción que comparto coa señora Haddock, algún cigarriño, e laretadas sobre cousas e persoas de antes e de agora. A noite do Sábado, no local do Albanés, unha discusión con Al sobre cine americano e non tan americano aderezada con queixo e embutidos recargoume as baterías; tanto foi así que, ás tres da madrugada, na Verdura e galopando en pintas de cervexa sobre montes de amendoíns, deixamos que Pánzer, o friki dos xogos de rol e as miniaturas bélicas, nos falase de foros, pontificase para nós sobre as súas series favoritas e, espectador total, acabase rindo el mesmo das secuencias que contaba; camiño da casa, Haddock maliciosamente explicaba o entusiasmo adolescente de Pánzer por divinizar o prota de Californication: se puidese, Pánzer tamén a andaría metendo todo o tempo por aí, en cada oco, cona ou becho que se lle puxese a tiro.
Domingo ao xantar, comendo xoubiñas no forno da Leña, fixemos por harmonizar calendarios: imposible; a miña viaxe, a deles, as estadías non coincidentes das nosas respectivas fillas, e até algún casamento por aí fóra complican até o infinito a programación de visitas que, sen embargo, serán máis factibles sobre o terreo, pouco a pouco.
A amizade, sen dúbida, é este retomar sen esforzo conversas que iniciamos a última vez que nos vimos.
A amizade, sen dúbida, é este retomar sen esforzo conversas que iniciamos a última vez que nos vimos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario