Por contra, a liquidación do vello piso vai tan lenta que Outubro empezou sen entregaren as chaves á caseira; o outro día voltamos, receei que por máis roupa pero non: fomos polos edredóns para as camas delas, e polos catro cadros con que decorarán a antecámara do dormitorio na residencia, alí onde reciben as visitas á volta dunha mesa camilla.
O vello piso tornouse alleo e xa non é acolledor (cheiran os canos en desuso, as plantas esmorecen sen rega, o pó nos mobles e os cercos nas paredes delatan as cousas que faltan), e as tías móvense polos cuartos como se nunca tivesen vivido alí, fóra sentimentalismos.
Acabou a fase das devolucións e entramos na dos agasallos, disque: cando acabaron de escoller os cadros de paisaxes ben bucólicas, cando xa edredóns e coxíns agardaban no coche, cando xa pensaba que nos íamos, as tías empeñáronse en que me querían dar algo, un recordo de cada unha, e sinalaron para eu levar o suntuoso espello de bronce da sala e o reloxio de sobremesa.
Nin souben que dicir: dubidei máis por non saber onde poñelos (non por feos, que non son, aínda que no meu tobo non hai nada tan barroco e tan brillante) que polo que aceptarlles o agasallo tiña en si de herdo ou pagamento.
Nin souben que dicir: dubidei máis por non saber onde poñelos (non por feos, que non son, aínda que no meu tobo non hai nada tan barroco e tan brillante) que polo que aceptarlles o agasallo tiña en si de herdo ou pagamento.
Teimaron as tías, meu pai insistiu, e finalmente aí están, puras alegorías de contos orientais ou non, como o botín dun saqueo, dun naufraxio, dunha poxa, dunha heranza, tamén eles aclimatándose ao novo entorno e agardando destino, porque nin sequera estou seguro de que vaia ficar con eles, misturalos coas miñas cousas.
Nada como os espellos e os reloxios para representaren o paso do tempo, pero a min estes danme un puntiño de pena cando os miro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario