Chamo a Haddock para que me confirme se veñen ao Sanfro como tíñamos falado en Agosto; dime que non, porque cambia de casa e vai aproveitar a ponte para facer a mudanza, e cóntame que o novo piso está moi perto do outro, que ten dous dormitorios e un salón, e que lle vai mellor porque ao ser máis pequeno non terá tanto que limpar nin haberá cuartos pechados, que a casa é vella pero está renovada, que os azulexos e sanitarios non son dos peores, que ademais, agora que empeza vida nova, é un bon momento tamén para cambiar de tobo.
Cando lle pregunto que quere dicir con iso de vida nova, que que foi o que me perdín este último mes, case non me sorprende que Haddock me diga que volve estar só, que non ten can que lle ladre, que a ruptura, reitcente e desganada, se disolveu nunha serie de chamadas e sms sen xeito, que para estar como estaban prefire estar así, e nese plan.
Onte a miña mai preguntou se viría Haddock esta finde ou se estariamos sós a nena e eu; primeiro díxenlle que Haddock estaba de mudanza e que non viría; despois, que rompera coa noiva. Daquela, a miña mai desenterrou a súa teoría favorita como se a recuperase do fondo dun pozo; aínda ha de volver coa outra, dixo, ti dálle tempo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario