O noso Goberno hai un par de días rachou as vestes e reaxiu indignado á insinuación de ter sabido previamente que o campamento saharaui ía ser atacado.
A situación agora non é moito mellor: a flamante ministra saíu a dicir que lamenta pero non condena a violencia desatada por Marrocos sobre un territorio que ocupa ilegalmente hai 35 anos; aquí non valen nin as expulsións de xornalistas para evitar testemuños incómodos nin a morte dun saharaui con nacionalidade española por nacer antes da descolonización nin as noticias espeluznantes de violacións dos dereitos humanos que burlan a censura. Marrocos segue a ser un viciño estratéxico apesar de que, ou precisamente porque, reina nel un tirano medieval a quen se lle consente todo.
Ao parecer, non convén encabuxar o régulo con conflitos e escrúpulos morais porque temos pescadores que pescan nas súas augas, porque aí están Ceuta e Melilla, porque nos ha de controlar a inmigración ilegal, e principalmente porque ha de servir de paraventos contra Al-Qaeda e o integrismo, esas forzas que parece que só se poden combater cos procedementos medievais cos que Mohamed VI, o autócrata, rexe o seu reino.
Que mala sorte a vosa, meus pobres saharauis, que sodes moeda de cambio; nin árabes nin cristiáns levantan ou levantarán a voz para vos defender, e (oxalá me equivoque) o voso destino, coma unha ferida infectada e molesta, seguirá pasando de xeración en xeración sen resolverse.

Ningún comentario:
Publicar un comentario