Como cada ano por estas datas, regaleime outro bocado de casa: tras a redución de prazos da hipoteca, o tobo será completamente meu o 1 de Agosto de 2032, xusto tres meses antes de xubilarme segundo as novas e inevitables previsións gobernamentais.
Fóra da miña nova parede, e con excepción do de meu cuñado, que non fuma nin usa gravata e requere moita imaxinación, todos os agasallos están baixo a árbore, e a cartilla treme á espera da reparadora paga extra.
Pero a señorita Kaplan complicoume un pouco as cousas onte ao dicir que non lle ten mérito ningún chegar e atopar os paquetes colocadiños á vista, que vai ser unha tortura velos e ter que esperar até a mañá de Nadal, e que prefire a sorpresa de erguerse e ir correndo a abrilos, por moito que me complique a min a vida agora gardalos nos altos dos armarios.
Polo demais, estou preguizoso e contando os días para as vacacións: a estas alturas non montei aínda o belén, non mandei as felicitacións aos amigos, e teño o tobo coma unha selva de caixas, cestas de roupa limpa, libros e discos fóra do seu, e desgana, moita desgana.

Ningún comentario:
Publicar un comentario