Quen deu a saída foi meu cuñado, que chamou para ver se eu tiña algúns camelos de sobra; díxenlle que non, que os que teño son tres e indispensables, pero que podía prestarlle uns poucos pastores e unha lavandeira. Aínda estou á espera de que os veña buscar para o superbelén que lle montou na tenda e que trae a miña irmá pola rúa da amargura.
A señorita Kaplan, que ten unha axenda máis chea que a de Ban Ki-moon, tamén chamou para dicir que tras os cambios e cancelacións de última hora nos ensaios, adestramentos e partidos que lle cómpren, pasará connosco a primeira parte das vacacións, en vez do Aninovo e os Reis como os últimos anos. Moi previsora ela, tamén di que ten as listas ao día: quen terá que lle regalar a Barbie, quen un pixama, quen o xogo de mesa, etc.
Aquí xa esperan por ela baixo a árbore o que me pediu, un libro dos records e a quinta temporada de Friends, pero tamén un microscopio e unha gran bóla de neve cos que non conta.
Esta semana comprareille un par de libros máis.
Para min, inesperadamente, foi o destino quen decidiu: cumpriume un novo DVD para substituír o outro, que colleu o feo costume de colapsar a media película. De momento, hai tres ou catro que esperan desvelar se ao final os protagonistas casan ou o se o mordomo era o asasino.

Ningún comentario:
Publicar un comentario