Amoréaseme o traballo ben porque a señorita Kaplan requere adicación a tempo completo ou ben porque o Nadal me descoloca con idas e vindas, e inesperadas performances surrealistas das que vou destacar a que me sucedeu onte, día dos Inocentes, cando chamou Polis cerca do mediodía para pedir axuda porque caera no baño; afortunadamente, tiña o móbil consigo e necesitaba alguén que o axudase a erguerse porque, segundo me dixo, seguía tendido na bañeira e todo lle daba voltas arredor; propúxenlle chamar a urxencias, pero el teimou en que prefería que eu fose antes, que non había fracturas nin parecía nada serio, e que a chave do piso (inaudito!) estaba baixo o limpapés da entrada.
Cun nó na boca do estómago levei a nena para a casa dos avós que, naturalmente, non estaban; ocorréuseme que podía deixala na da miña irmá, pero tampouco había ninguén; finalmente voltamos aquí, e a señorita Kaplan quedou na compaña de Bob Esponxa mentres eu saía a fume de carozo disposto a atopar un ecce homo agarrado a un móbil e tendido nun cuarto de baño.
Nada máis lonxe da realidade; a chave estaba no lugar previsto, pero Polis non: estaba na cociña, vestido cun suéter colorado con renos e abetos, e rodeado de copas, pratos e bandexas de catering; alí lle aturei pacientemente que me chamase inocente e logo me explicase que C. estaba en camiño para un xantar a tres, e que argallou todo aquilo da caída no baño para que porfín C. e eu nos coñezamos sen valeren desculpas nin pretextos.
Supoño que Polis calculou, non sei por que, que a señorita Kaplan estaría para final de ano e Reis, e en vez dunha invitación civilizada a que correspondese unha resposta tamén civilizada organizou un show de tres pares que máis merecía que lle estampasen no cranio as robalizas trufadas.
Supoño que Polis calculou, non sei por que, que a señorita Kaplan estaría para final de ano e Reis, e en vez dunha invitación civilizada a que correspondese unha resposta tamén civilizada organizou un show de tres pares que máis merecía que lle estampasen no cranio as robalizas trufadas.
En lugar diso, e despois de lle dicir onde o mandaba, fun xantar onde a miña filla; ao outro aínda lle sentín laiarse de tanta comida como ía sobrar.

Ningún comentario:
Publicar un comentario