Levo días sen actualizar, pero non foi por terme instalado nas Cortiñas de San Román esquecendo o portátil no tobo, como agudamente insinúa a amiga de Esmelle.
A miña xornada de reflexión (posto que xa teño decidido que votarei mañá) consistiu basicamente en atopar pretextos para non poñerme a corrixir os exames de sintaxe que me fermentan aquí ao lado, sobre a mesa.
Non sei canto me vai durar o entusiasmo pero estou completamente enganchado á novela negra nórdica, e teño o vento a favor: na Biblioteca Pública dei cunha mina de títulos dos que extraio os crimes con que me durmo polas noites, entre fiordos, ventiscas e auroras boreais.
Despois do iniciático Mankell e despois dos Larsson, Stieg e Asa (apesar do último libro, un pouco coxo, desta última), pola miña cama agora van pasando sucesivamente autores e detectives de nomes impronunciables: o noruegués Jo Nesbo co inspector Harry Hole, o matrimonio sueco Sjowall/Wahlöö, pioneiros nos 60 e redescubertos agora, co inspector Martin Beck, e, neste día de reflexión, o islandés Arnaldur Indridason co seu inspector Erlendur Sveinsson, túzaro entre os túzaros, e acosado por un pasado turbulento. Con el movinme polo Reikiavik do presente e o Leipzig da guerra fría sen percorrer máis distancia que a que vai da butaca á miña cama.
Vendo o telediario, faime sorrir que os indignados mudasen o nome dun sector da Praza de Cataluña en que están concentrados polo máis simbólico de Praza de Islandia. As imaxes impresionan e conmoven, e un comprende que, máis alá da inxenuidade organizativa dos campamentos, que lembran unha comuna hippy ou un campamento de escolares en colonias, ninguén con dous dedos de frente pode dubidar de estarmos diante dunha cousa completamente nova, inaudita e fermosísima.
Próeme a curiosidade: quero saber como evoluirá o movemento, como seguirán adiante, sen líderes, sen nomes nin siglas, e, sobretodo, sen se contaminaren co que combaten.

Ningún comentario:
Publicar un comentario